ACREDITACIÓNS     BOLSA DE EMPREGO

Alumnado da Farixa participa na presentación da exposición LSYTSDA na Sala Alterarte da Universidade de Vigo

Alumnado do CIFP A Farixa participou o pasado xoves, 24 de setembro, na inauguración da exposición LSYTSDA (Lo Siento, yo tampoco soy de aquí), de Natasha Lelenco. O proxecto, que aborda a mobilidade humana como unha parte indisociable da condición humana, dá voz a persoas migrantes a través do dispositivo visual da cara da moeda, normalmente restrinxido a autoridades referenciais dos países e territorios.

Deste xeito, Natasha Lelenco compón un coro de persoas que é tamén, segundo a autora, "un coro de voces que convida a quen o mira a sentirse parte da mesma historia, porque se o miramos ben, é practicamente imposible atopar a alguén que non sexa migrante ou fillo de migrante".

A exposición forma parte dun proxecto internacional no que participa o CIFP A Farixa a través dun acordo de colaboración, de forma que o alumnado do ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos participou no proceso de produción das entrevistas.

Por outra parte, o centro acolleu parte das entrevistas durante o pasado mes de maio na aula plató de Imaxe e Son, de forma que alumnos e alumnas migrantes que forman parte da nosa comunidade educativa ceden a súa voz e comparten a súa historia na instalación.

A exposición pode visitarse todos os días de 9:00h a 21:00h na Sala Alterarte da Universidade de Vigo (Campus Ourense), ata o 13 de novembro, e pode visitarse de forma virtual a través da súa web e arquivo: www.yotampocosoydeaqui.com