AULA TECNOLÓXICA DE ENERXÍAS RENOVABLES EN CONTEDOR MARÍTIMO ACONDICIONADO
O principal obxectivo do proxecto é modificar un contedor marítimo reciclado (antes empregado para o transporte de mercancías en barco), para convertelo nunha aula tecnolóxica didáctica de enerxías renovables. O contedor ten uns 12 m de largo e 2,4 m de ancho, polo que se optou por facer dous grandes espazos nos aproximadamente 30 m2 dos que se dispón:
- 14,5 m2 serán unha sala técnica onde se instalarán os equipos de produción de enerxía (bombas de calor, acumuladores, sistemas de medida e regulación...)
- 14,5 m2 serán unha vivenda/aula piloto, que terá plena autonomía enerxética, ao estar alimentada electricamente pola instalación solar fotovoltaica e climatizada a través da aerotermia e mais a xeotermia que se instalarán.
Nunha primeira fase executarase a apertura de ocos e colocación de fiestras e portas, para a continuación empregar solucións construtivas eficientes que diminúan a demanda enerxética do contedor (SATE...).
Instalaranse sistemas tecnolóxicos que permitirán a máxima autonomía dos espazos didácticos creados na aula, con aproveitamento das seguintes fontes de enerxía primarias renovables: solar térmica, fotovoltaica, aerotermia e xeotermia.
O proxecto inclúe o deseño dun sistema de monitorización que recollerá información sobre o funcionamento dos sistemas de captación de enerxía e dos puntos de consumo e redes de distribución. Deseñarase un algoritmo que establecerá as ordes para a regulación e control dos sistemas, obtendo datos sobre produción, gasto enerxético, rendementos…
Realizarase ademais a produción dun documental sobre a construción da aula tecnolóxica dende a gravación, execución técnica ata a montaxe do produto final.
Para a realización do presente proxecto implícanse varias familias profesionais do CIFP A FARIXA:
- Familia de Enerxía e auga
- Familia de Edificación e obra civil
- Familia de Electricidade e electrónica
- Familia de Imaxe e son
O proxecto implica unha importante mellora na calidade da formación e na futura empregabilidade e inserción laboral do alumnado desde dous grandes puntos de vista:
- na fase de deseño e execución do mesmo, onde colaborarán activamente
- no posterior uso didáctico da aula tecnolóxica de enerxías renovables obtida.
Destes beneficios lucraranse nos só os alumnos e alumnas do CIFP A Farixa, senón tamén o alumnado dos outros dous centros colaboradores co proxecto: IES 12 DE OUTUBRO e IES UNIVERSIDADE LABORAL.
No tocante ás empresas colaboradoras conseguíronse as seguintes colaboracións:
- WEBER: colaborará cos revestimentos exteriores en SATE.
- INGEO: asesoramento técnico-didáctico sobre enerxía xeotérmica.
- SALTOKI: asesoramento sobre o aproveitamento sostible e eficiente das fontes de enerxía renovable.