ACREDITACIÓNS        BOLSA DE EMPREGO

EDUCALIDADE        PROFESORADO        AULA VIRTUAL          

                                                                               Pre estrea de Memoria de Soutelo

O pasado sábado tivo lugar no auditorio de Soutelo de Montes a preestrea de "Memoria de Soutelo", unha curtametraxe documental producida por alumnado do 2º curso de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A FARIXA. Esta peza parte da idea orixinal de Candela Lorenzo, directora de produción da curta, quen sacou adiante un proxecto de factura profesional baixo a titorización da docente Diana Casanova e coa implicación de profesionais en activo como Xoan Brégua na dirección, Adolfo Fernández, como operador de cámara ou Vicente Couceiro, compositor da banda sonora orixinal. Comeza agora o seu camiño na distribución por festivais galegos e nacionais, que se combinará con proxeccións no propio CIFP A Farixa, ou no Mur Marxinal, ambos financiadores do proxecto. “Memorias de Soutelo” é un documental de creación de cerca de 15 minutos de duración que, segundo Candela Lorenzo, “colle como punto de partida as fotografías de Virxilio Viéitez que forman parte da memoria de todos os fogares da vila de Soutelo de Montes, para facer unha reflexión xeneracional arredor do rural, do futuro das vilas e aldeas da contorna e do papel que a xente nova temos nel”. Numerosas empresas e entidades de Soutelo, Forcarei e Ourense colaboraron co proxecto, entre as que se contan o propio CIFP A Farixa, o Concello de Forcarei, a Taberna Os Carteiros, Emporium, Bar Grândola, Pan de Soutelo Kalis, Mur Marxinal, O Lagar, Supermercado Claudio, Antígua O`renque, Bar Don Carlos e Gasolinera Lamas.