Conferencia "Marketing de destino na provincia de Ourense, a cargo do INORDE"
O mércores, 6 de marzo, recibimos no noso centro a Emma González, Xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), organismo dependente da Deputación de Ourense, que ao longo de dúas horas levou a cabo unha dinámica e motivadora palestra titulada, "O marketing de destino na provincia de Ourense".
Emma falounos de como foi a creación da marca turística provincial "Ourense genuina" e describiu minuciosamente o actual Plan de Sustentabilidade Turística "Ourense Termal", que está desenvolvendo a Deputación en representación dos 15 concellos termais da provincia, buscando con el a transformación competitiva e ecolóxica do destino turístico. Asemade, como impulsora do Sistema Integral de Calidade en Destino na provincia (SICTED) faloulle ao noso alumnado do proxecto "Ourense, destino turístico intelixente". En todo momento Emma motivou aos/ás asistentes a emprender, deixando claro o gran potencial turístico que ten esta provincia e a necesidade de oferta específica aínda sen crear ou escasa.
Grazas Emma por aportar a túa experiencia e bo facer ao noso alumnado! OURENSE ESTÁ DE MODA e os futuros profesionais de Turismo do CIFP A Farixa serán unha fresca e cualificada man de obra para atender a todos eses viaxeiros que elixen este destino para o seu tempo de lecer.