ACREDITACIÓNS        BOLSA DE EMPREGO

EDUCALIDADE        PROFESORADO        AULA VIRTUAL          

Visita do CEIP Mariñamansa

Este 13 de marzo tivemos o pracer de recibir aos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria do CEIP Mariñamansa, que viñeron coñecer de preto a nosa biblioteca, o noso centro e os diferentes ciclos formativos que ofrecemos.
 
A actividade enmarcouse dentro da Semana do Fomento das Vocacións nas Nenas, unha iniciativa que busca espertar o interese das rapazas por titulacións tradicionalmente masculinizadas e demostrarlles que ningún oficio ten xénero.
 
Os nenos e nenas visitaron os talleres dos distintos ciclos formativos, e as nosas alumnas de ciclos tipicamente masculinizados (p.e. a rama de Construción, Electricidade e Electrónica ou Fútbol Sala, etc.), compartiron as súas experiencias, deixando claro que ser muller non é un impedimento para desenvolver unha carreira neses ámbitos.
 
Durante o percorrido, os rapaces e rapazas descubriron o funcionamento de diferentes instalacións do centro: o taller de Instalacións de Telecomunicacións, a sala de radio e o estudio de televisión, onde experimentaron co croma e coñeceron de preto os sistemas de transmisión e comunicación; o taller de Vídeo DJ, onde observaron aos alumnos e alumnas de Vídeo DJ realizando un exame práctico de iluminación e son; a casa modular feita con contedores de barco, unha impresionante colaboración entre os ciclos de Construción e Enerxía e Auga.
 
Moitas grazas aos alumnos e alumnas de 2º Dual de Acondicionamento Físico polas actividades deportivas que organizaron e puxeron o broche final a unha xornada chea de aprendizaxe e diversión.
 
Dende a Biblioteca do CIFP A Farixa, queremos dar as grazas ao CEIP Mariñamansa por compartir esta xornada connosco. Tamén agradecemos a colaboración de Olalla Ferreira, Coordinadora da Biblioteca do CEIP, coa que esperamos seguir desenvolvendo proxectos conxuntos no futuro.