Competición de SMC Silver Piston España 2025
O CIFP A Farixa, orgulloso do seu alumnado.
Tras ser quen de clasificarse no mes de decembro en primeiro lugar para a final nacional da competición Silver Piston España 2025 que organiza anualmente a multinacional xaponesa SMC, o equipo formado polos estudantes do 2º curso de Automatización e Robótica Industrial, Rubén Domarco, e Gabriel Prada, acompañados polo profesor Álvaro Selas, participaron en dita final na sede de SMC en Vitoria-Gasteiz.
Esta prestixiosa competición avaliou os seus coñecementos a través de desafíos en fundamentos teóricos, simulación e detección de avarías, en automatizacións pneumáticas, electropneumáticas e programación de autómatas. O noso equipo acadou un meritorio 5º posto dos 30 participantes, a escasos puntos do podium.
Unha vez finalizada a competición tívose a oportunidade de visitar a factoría de SMC en Vitoria, onde se puido coñecer de preto a súa avanzada tecnoloxía de produción.
Unha gran experiencia, sumamente enriquecedora que motiva e achega ós nosos estudantes ó ámbito profesional.




